(volver á paxina inicial)

A saúde: é o estado no que un goza dun completo benestar físico, mental e social.


O perfil dun alumno ou alumna de 3º de ESO sería o que segue segundo os resultados promedio dun test de preguntas elaboradas e contestadas polo alumnado de 3º de ESO sobre os seus propios hábitos e costumes:

Un alumno ou alumna de 3º de ESO fai 3 ou 4 comidas ao día e almorza practicamente todos os días na casa ou toma algo no instituto. Aínda que ás veces inxire comida considerada pouco nutritiva non o fai moi habitualmente, preferindo facer unha comida saudable aínda que non dentro dun menú ou dieta. Toma 2 pezas de froita diariamente.
Practicamente non sae e se sae non bebe e nunca fuma.
Dúchase 1 vez ao día. Practica deporte unhas 3 ou 4 horas á semana ou fai algunha actividade fóra da escola. Pensa que estar ben fisicamente é moi importante.
Durme unhas 8 horas ao día e tivo 4 veces a gripe durante toda a súa vida. Case nunca toma medicinas.

Está moi contento coa súa forma de ser da que apenas cambiaría nada e valórase moito a si mesmo. Confesa que se enfada a miúdo, non sempre, e que ás veces cambia de actitude segundo con quen estea e outras veces, non; isto non o ten moi claro, por iso pode tanto pensar o que fai como actuar por impulso. Neste sentido tampouco estabiliza a súa expresividade e unhas veces, é máis que outras, pero cústalle menos expresarse coa familia que cos amigos, aínda que sempre se reserva algo. Ten momentos de extroversión, pero tamén garda cousas para si mesmo. Así é todo, considera que evolucionou na súa personalidade estes últimos anos, que gañou en capacidade de adaptación ás novas situacións e que mellorou en saber comportarse de xeito diferente segundo o pidan as circunstancias. Ten algunha manía, pero nada importante. Ás veces, e con algún esforzo, pide axuda, pero moitas veces sinte que pode el só facer todo o que lle esixen. Dánselle medianamente ben as matemáticas. Segue poñéndose nervioso, aínda que cada vez menos, conseguindo así controlar maís as situacións.

Pasa o tempo con xente no seu entorno, que non muda a miúdo, e considera que non ten moitos problemas para facer amigos, pois, ainda que é algo tímido, tampouco lle supón un gran impedimento para relacionarse cos demais.
Ten certa confianza no que din os amigos, pero prefire falar dos problemas que ten coa familia. A súa relación cos compañeiros é boa, mais considera que se porta mellor el con eles que ao revés. É capaz de empatizar cos demais e prefire coñecer á xente el mesmo que polo que lle digan dela. Considera que é máis importante a personalidade que o físico.


Os nenos almorzan máis na casa, practicamente nunca beben se saen, pero fano máis cás nenas.
Séntense máis populares e considéranse máis simpáticos que as nenas as cales se teñen por máis tímidas. Pensan que falan, confían e expresan os sentimentos máis na familia. Valóranse máis, son menos impulsivos, adáptanse algo mellor ás circunstancias e controlan máis as situacións e as actividades escolares cás nenas.

As nenas realizan máis actividades fóra da escola, consideran que son mellores compañeiras e son máis expresivas con eles que eles con elas. Valoran máis que os nenos a personalidade sobre o físico, aínda que lles gustaría cambiar algo delas e son algo máis nerviosas ante determinadas situacións ca eles.